PREGUNTAS FRECUENTES
Que é e para que serve RUNA?
RUNA é o repositorio institucional da Consellería de Sanidade - Sergas.
A súa misión é xestionar, difundir e preservar o coñecemento xerado polos profesionais da Consellería de Sanidade-Sergas.
O seu obxectivo é preservar e facilitar o acceso aos contidos dixitais xerados na organización.
Que vantaxes ten depositar en RUNA?
O arquivo no repositorio RUNA, supón beneficios para os autores e para a institución. Entre as vantaxes destacan as seguintes:
- Punto de acceso centralizado á produción científica institucional.
- Ofrece a posibilidade de incrementar a visibilidade das publicacións e por conseguinte chegar a un maior número de lectores, repercutindo nun maior número de citas dos traballos.
- Permite o acceso a datos estatísticos sobre consultas e descargas dos traballos.
- Acredita a autoría dos traballos mediante a súa posta a disposición na internet e asegura a súa conservación nunha contorna electrónica e dinámica no que se usan identificadores persistentes e estables para cada un dos materiais.
Quen pode autoarchivar en RUNA?
Todos aqueles autores cuxos traballos publicados sexan froito da súa actividade profesional dentro de calquera dos centros e institucións que integran o Sistema Público de Saúde de Galicia. Igualmente aqueles autores cuxos traballos fosen financiados por el.
Os autores poden realizar o arquivo directamente ou delegar o arquivo na biblioteca.
Que é o depósito ou arquivo delegado?
O arquivo delegado é o procedemento polo cal os autores solicitan á biblioteca o depósito dos seus traballos. Para iso, deberán encher un formulario cos seus datos e os dos documentos que queiran arquivar, asinar unha autorización e achegar o texto completo dos documentos.
Que se pode depositar?
O repositorio do Sistema Público de Saúde de Galicia constituirá un punto único de información onde se reúna toda a produción intelectual e científica, tanto de ámbito clínico como docente e administrativo, xerada polos profesionais do sistema sanitario. De modo que o material depositado pode incluír, entre outros, os seguintes tipos de documentos:
- artigos (pre-print, post-print ou pdf do editor segundo permisos editoriais)
- publicacións editadas pola Consellería de Sanidade e Sergas
- comunicacións a congresos
- proxectos de investigación
- informes técnicos
- material docente (de cursos, presentacións de sesións clínicas, etc)
- imaxes
- vídeos clínicos
- información para pacientes
- protocolos, guías de práctica clínica, vías clínicas, plans de coidados
- calquera outro material que poida ser relevante no noso ámbito
Teño que rexistrarme para poder acceder?
Si, o rexistro debe realizarse utilizando o usuario e contrasinal institucionais.
Que fago se non podo acceder coas miñas claves do Sergas?
En caso de non poder acceder coas claves do Sergas deberá poñerse en contacto coa biblioteca do seu centro (coa súa biblioteca de referencia).
Que é e para que serve a licenza Creative Commons e cando é oportuno asignala?
A licenza Creative Commons (CC) serve para indicar aos lectores do documento os usos que poden facer do mesmo sen necesidade de contactar co autor.
Os autores poden asignar unha licencia CC a condición de que non transferisen os dereitos de explotación a terceiros. Se transferiron eses dereitos haberá que indicar “Sen licenza CC” durante o autoarquivo.
Por que debo conceder a RUNA a licenza de depósito?
Coa concesión desta licenza o autor autoriza a posta a disposición do documento en aberto a través do repositorio aceptando as condicións de uso do mesmo.