Política Sergas
RUNA é un depósito de documentos e obxectos dixitais relacionados coas Ciencias da Saúde. Este repositorio reúne, organiza, preserva e difunde en acceso aberto a produción científica xerada polos profesionais da Consellería de Sanidade e do Sergas.
Os recursos de información aloxados en RUNA deben cumprir os seguintes criterios:
- Ser producidos por profesionais da Consellería de Sanidade e do Sergas ou financiados total ou parcialmente por esta institución.
- Pertencer ao ámbito da investigación ou da divulgación científica.
- Presentarse en formato dixital.
Ademais, o autor ou autora ou titular dos dereitos de autor do traballo debe conceder a RUNA unha licenza non exclusiva de distribución para a súa difusión a través do repositorio.
Non se admite o depósito de contidos de obras para as que os autores non conten cos permisos legais para o seu aloxamento no repositorio, expresen opinións relixiosas e/ou políticas ou non estean relacionadas coa comunicación de resultados científicos e de investigación.
RUNA acepta material en calquera idioma, aínda que se recomenda o uso preferente do español, o inglés e o galego.
En RUNA coexisten documentos ou obxectos dixitais de acceso aberto con outros que polas súas características deben ser restrinxidos á contorna da Consellería de Sanidade - Sergas.
Os recursos de información aloxados en RUNA organízanse ao redor de sete comunidades:
- Audiovisuais. Esta comunidade inclúe vídeos, imaxes e audios elaborados polos profesionais da Consellería de Sanidade e do Sergas.
- Documentación administrativa. Integra esta comunidade documentación administrativa como circulares ou instrucións xeradas pola institución.
- Documentación clínica. Incorpóranse a esta comunidade documentos clínicos non publicados xerados por grupos ou profesionais no exercicio da súa actividade asistencial (non rexistros clínicos, nin historias clínicas). Comprende: vías clínicas, guías, protocolos, protocolos de coidados, procedementos, consentimentos, etc.
- Formación e docencia. Esta comunidade contén material docente elaborado polos profesionais que abarca material didáctico de cursos, presentacións en sesións clínicas, etc.
- Información para pacientes. Forman parte desta comunidade os materiais elaborados para a cidadanía sobre patoloxías, prevención, coidados, procedementos,dietas, e información sanitaria, redactados de forma legible e de fácil comprensión para os pacientes, pero rigorosos, fiables e actualizados nos seus contidos.
- Publicación científica. Recóllense nesta comunidade os traballos científicos elaborados polos profesionais do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade, poden ser artigos en revistas científicas, libros e capítulos de libros, relatorios e comunicacións en congresos, teses doutorais, etc.
- Publicacións da organización. Esta comunidade inclúe en acceso aberto os documentos, (libros, revistas, folletos e carteis), editados ou coeditadas pola Consellería de Sanidade, Sergas ou os seus centros dependentes.